EMBAIXADORES/AS DO ROCK IN RIAN

O proxecto “Embaixadores/as do Rock in Rian” nace co obxectivo de gravar un disco colaborativo entre os distintos centros de ensino de Rianxo, no que tamén participasen músicos e músicas da contorna e artistas de renome da Galiza (a figura dos/-as embaixadores/-as do festival, repartidos/as nos centros adheridos). Desta forma, e con motivo da gravación do álbum, os/-as nosos/-as embaixadores/-as serviron como nexo entre a cultura galega, a nosa asociación e a mocidade rianxeira. As artistas coas que contamos nesta edición foron

-María Xosé Silvar (SÉS, a nosa embaixadora no CEIP Ana María Diéguez de Asados)

-Xurxo Souto (de grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto ou Os Tres Trebóns, embaixador no CEP Xosé María Brea Segade de Taragoña).

-Dios Ke Te Crew (banda embaixadora no IES Félix Muriel de Rianxo).

-Pauliña (embaixadora no CEIP ADR Castelao de Rianxo).



Durante varios meses, mozos e mozas investigaron sobre os/as diferentes artistas convidados/-as, os xéneros musicais no que se enmarcan, das orixes e influencias que deron lugar a eses estilos, a importancia que teñen para a música galega… un enfoque de inmersión completa coa vista posta en que desenvolvesen un coñecemento máis profundo sobre a nosa cultura. Todo desemboca nas xornadas de gravación, na que nenos e nenas, xunto con cada embaixador/a, compartiron traballo de estudo e crearon o EP “Semente Sonora”, composto por 4 temas de diferentes estilos, sempre en galego, e gravado coas voces do alumnado.

Scroll ao inicio