FESTA DE VERÁN

TANXIL XOGA E FESTIVAL DAS PERSEIDAS

Agosto acostuma a ser o mes con maior afluencia turística na nosa vila. Co auxe de visitantes e o bo tempo, desprazamos as nosas actividades ás praias de Tanxil e Quenxo, areais achegados ao centro da vila (aos que se pode chegar a pé por varias rutas de sendeirismo). Aproveitando este enclave natural no fondo da ría, a nosa programación ábrese con diversas exhibicións de deportes ao aire libre, como fútbol, xogos tradicionais (birlos e petanca) e voleibol praia, para os que contaremos coa colaboración de clubs deportivos de Rianxo.

Máis alá de fomentar a actividade física e o ocio respectuoso co medio ambiente, queremos continuar a promover o uso da nosa lingua e dignificar a nosa cultura, desta vez tamén ante viaxeiros e viaxeiras que se hospeden no noso concello. Coa posta do sol, dará comezo o “Festival das Perseidas”, un evento no que a música en galego será a protagonista, cun grupo durante o atardecer e varios pincha-discos a continuación, baixo o manto inigualable que proporciona a Chuvia das Perseidas (ou Bágoas de San Lourenzo).

Scroll ao inicio