ENTROIDO RIANXEIRO


O entroido é unha das festividades máis importantes do ano en toda Galicia, e en Rianxo non podía ser menos. Desde a nosa asociación damos comezo ás celebracións no noso concello propoñendo un evento interxeracional. Comezaremos organizando, en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría da vila, unha ruta temática de tapas. Filloas, orellas, lacón… diferentes pratos, doces e salgados, serán os encargados de promover a riqueza gastronómica do país.

Como é obvio, a estrela desta xornada serán, un ano máis, os disfraces. Maiores, mozos, mozas e crianzas poderán participar no noso habitual concurso de disfraces, onde un xurado valorará factores como a creatividade, o humor e que a construción sexa manual e reciclada. Iso si, a última palabra teraa a xente de Rianxo, que poderá opinar a través das nosas redes sociais e escoller quen gaña en cada unha das categorías (individual, grupal ou por parellas). Non obstante, non só os/as vencedores/as se levarán a casa un premio, pois queremos agradecer a toda a xente que participe a súa contribución para manter viva unha das tradicións galegas máis antigas. Toda a xornada estará amenizada con música galega, ben sexa a música tradicional de diferentes agrupacións da zona ou a dos pincha-discos que pecharán a festa con ritmos para a xuventude máis festeira.

Scroll ao inicio